Esgotadas en tempo récord as 1.000 prazas dos cursos de Ribeira.Academy

Superando as previsións máis optimistas do Concello, o novo programa formativo online Ribeira.Academy activado na medianoite pasada esgotou todas as súas prazas (mil en total, para 88 cursos de 20 temáticas diferentes) momentos antes do tres da tarde, apenas quince horas despois do inicio do prazo de inscrición. De feito, a expectación foi tan grande que nos primeiros minutos, a páxina web www.ribeira.academy experimentou algún problema técnico provocado polo feito de que había máis dun milleiro de persoas conectadas á vez.

En vista do resultado, e segundo informou hoxe o alcalde Manuel Ruiz, está a avaliarse a posibilidade de ampliar a oferta con novas prazas, pero indo dirixidas exclusivamente aos cidadáns afectados polo Covid-19, en sintonía coa firme aposta do Concello de proporcionar formación e novas habilidades durante o Estado de Alarma cun paquete online e gratuíto, único na historia da comarca do Barbanza.

A partir deste luns, procederase a realizar a comprobación de datos achegados polos usuarios e que cumpran os dous únicos requisitos para realizar esta formación: ser maior de 16 anos e estar empadroado/a en Ribeira.

Idiomas, ofimática, saúde, loxística e marketing, as máis demandadas.

Houbo unha relevante acollida por parte dos ribeirenses en disciplinas como Nutrición e diétetica e Atención a usuarios con necesidades especiais -con máis de 60 prazas solicitadas cada un deles-, xestión loxística e cursos de mercadotecnia e administración de empresas -máis de 40 alumnos- e o curso de manipulador de alimentos – máis de 30 solicitudes- entre outros. Pero os cursos máis demandados foron os de idiomas (inglés e francés con niveis que abarcaban do A1 ao C1) con máis de 120 alumnos inscritos e os cursos de ofimática (Microsoft Excel, Word, Power Point e Access)

Desde a súa inscrición, os usuarios dispoñen de 3 meses para poder completalo, cunha forma integramente online e accesible durante as 24 horas do día, calquera día da semana.

En relación aos inscritos: a partir do luns comprobarase que os alumnos rexistrados cumpren os requisitos da convocatoria e durante os seguintes días comezarán as matriculacións, debido ao volume da demanda os prazos poden verse alterados.