O Concello de Ribeira ofrece a maior oferta formativa online na historia do Barbanza: 88 cursos gratis, 1.000 plazas

Debido á actual situación na que nos vemos envoltos, utilizar este tempo no noso fogar para potenciar as nosas habilidades, crear un mellor perfil profesional e académico e xerar maiores probabilidades de contratación en futuros empregos tras o confinamento, é unha das mellores formas de combater a situación económica actual.

Por iso, o Concello de Ribeira a través da súa nova iniciativa Ribeira.Academy, aposta pola formación online coa maior oferta gratuíta neste eido na historia da comarca de Barbanza, erixíndose nunha das medidas articuladas para facer fronte ao actual estado de alarma xerado polo Covid-19.

Inscricións dende o 1 de maio

Consiste en 88 cursos online en múltiples disciplinas para un total de 1.000 prazas. O prazo de inscrición comeza o Día do Traballo, 1 de maio, e finalizará en canto se esgoten as prazas dispoñibles. Como requirimentos para realizar esta formación integramente online tan só serán ser maior de 16 anos e estar empadroado/a en Ribeira. Os interesados e as interesadas poderán anotarse no curso que desexen a través propia web, onde cada un deles conducirá a un formulario no que cómpre introducir unha serie de campos (nome, DNI, teléfono e enderezo electrónico). Como máximo cada usuario poderá escoller un curso, cunha excepción: no caso de inscribirse nalgún de ofimática (Office e Photoshop) poderá simultanealo con outro da oferta.

Ribeira.Academy é unha medida deseñada especialmente para persoas en desemprego, traballadores en ERTE, profesionais autónomos e traballadores de PEMES, con todo, todos os habitantes poderán solicitar o curso que desexen e adquirir a súa praza.

Dende a súa inscrición, os usuarios dispoñen de 3 meses para poder completalo, cunha forma integramente online e accesible durante as 24 horas do día, calquera día da semana.

20 categorías

Os alumnos-as recibirán un diploma acreditativo ao finalizar o curso. Pódese elixir entre unha gran variedade de materias formativas (hai 20 categorías), desde un curso oficial de idiomas ata formación en nutrición e saúde. Tamén se ofertan cursos en áreas máis técnicas como programación ou sistemas e bases de datos, que sen dúbida serán competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado.

Toda a información sobre Ribeira.Academy e as particularidades desta oferta formativa poderanse consultar de forma detallada en http://www.ribeira.academy/.